jueves, febrero 25

UN BESUGO


Polo día o gris, pola noite o negro, e sempre…o vento. Este vento, que nos impide vivir, non é quen de impedirnos pensar, e é así, pensando, como deixamos que o tempo pase, como deixamos que este vento leve tamén ao tempo que nos fai vellos sen darnos conta. Porque cando o vento manda, todo se move, e o que mais se move son as almas dos que aquí habitan, aínda que se escondan esas almas no mais fondo de un.

E foi o vento de un día gris e unha noite negra o que anticipou a desgraza de Martiño Ouréns.

Martiño Ouréns levaba a vida de un besugo, e así, dependendo da cantidade de xente que tiña un xarabal, el arrimábase sempre adonde eran maioría, esperando e conseguindo pasar inadvertido ante a masa. Foi engordando a sombra dos diferentes xarabales de persoas, e gordo e lustroso chegou a súa mocidade. Pasou o tempo, e Martiño, pouco a pouco foi perdendo a facultade de mimetizarse, e primeiro uns e despois outros, fórono deixando cada vez mais solo. E ao igual que un besugo solitario, foi tendo cada vez mais problemas de supervivencia. Por que sabido é, que no mar e nesta terra, a vida non é para solitarios.
E foi a soidade, a que fixo que o gris e o negro e o vento se fundiran na alma de Martiño.

Foi onte cando na tarde gris e chuviosa, un refacho de vento tirou con un poste da luz. Chegou a negra noite e aínda sen luz, Martiño encendío unha vela para facer a cea, e cando foi con ela ao faiado para coller unhas patacas para cocer, tivo a mala sorte de drlle un golpe a unha travesa do tellado, facendo que este se desplomase en parte, facendo que Martiño, patacas e vela, caesen todos xuntos na habitación que había embaixo do faiado e na que Martiño durmía, con tan mala sorte, que a vela prendío na roupa da cama provocando un pavoroso incendio do que Martiño non se puido librar por estar preso por unha viga do tellado.

E foi así como, rodeado de patacas e ben cocido, acabou Martiño a súa vida de besugo. Diloteña de Primeiro Prato

viernes, febrero 19

VATICANdO

Ninguén o di abertamente, pero da a impresión de que, si non nacen mais criaturas neste sitio, é pola simple razón de que é moi difícil parir fillos por riba dos setenta anos. Tampouco ninguén di abertamente que a causa de que se fixera mais común neste sitio o toque de campá a morto que o berro das gaivotas, non é outra que, é mais normal morrer por riba dos setenta anos que de mozo. Decididamente, temos que ser conscientes de que, o ser todos aquí vellos, é a razón única de que a morte se vaia impoñendo a vida.

O Señor cura, que é o único que baixa dos corenta anos, ten pensado iniciar a súa particular cruzada de repoboación, convocando aos veciños a manifestarse en contra do aborto. Definitivamente esa fervorosa manifestación vai ser un éxito de convocatoria xa que ningún ancián está disposto a abortar.

Non contento con deixar ben claro a posición da Iglesia no tema da vida, pensa convocar outra para que se prohiba o consumo de azucre, xa que grazas aos datos que lle pasou o médico, .oitos dos que morren fano por complicacións da diabetes que padeceron. Pero ante o agravio comparativo, os de alto colesterol, queren que se faga outra manifestación para pedir a ilegalización do sal e da carne de porco, e por ende dos cocidos dominicais. Unha facción da Asociación Ergonómica da Terceira Idade, pensa que aínda sendo minoría, son quen de esixirlle ao Goberno que subvencione caixetas ergonómicas para que, cando chegue a resurrección, poder levantarse sen dolores de anos postrados nesas caixetas tan incómodas que se usan agora. Entendemos que o Sr cura apoiara esta manifestación, non soio por ser parte empresarial na carpintería que ten montada na Residencia de Anciáns do Santismo Sacramento, senón por que é evidente, que a resurrección dos mortos é unha cousa moi seria e ten base científica, xa que así o ensinaron sempre na escola e na iglesia. A Asociación de Excatequistas en Paro, que vai secundar todas as manifestacións, está mirando a viabilidade de convocar outra para que se obrigue por lei a acudir a misa tódolos días e para iso deberase entregar unha lista do censo a tódalas parroquias de España, para pasar lista, e o que non estea, poder confiscarlle os bens para a salvación do mundo, e para mantemento do Vaticano, único Estado recoñecido por Deus.

A Amparo de Chuca, xa nin lle deixaron falar. Pedía unha Residencia Pública e gratuíta. E foi o señor cura, o que, sinalándoa co dedo, acusouna de ser a autora da morte do mesmo Cristo, e tanto desgusto levou, que hoxe mesmo se enterrou. E foi mellor para ela, que iso acontecese, por que se tivera que esperar para que o cura solicitase esa manifestación, aínda resucitando e todo, nin dúas vidas lle iban chegar.

martes, febrero 9

DON SERAPIO


Dando un pouco do que lle sobraba, Don Serapio Ponte, sempre se creío moi caritativo, e tíñase a si mesmo por un Santo. Pero Don Serapio nunca soupo o pouco que o querían as vítimas das súas limosnas. Porque sabido é, que quen dá para o propio beneficio, non dá, senón que quita. E o que mais gustaba de quitar Don Serapio, era a dignidade dos que aceptaban por necesidade as fungallas que Don Serapio non quería.

Tivo sorte Don Serapio de nacer fillo de ricos, e xa desde moi noviño, soubo da importancia que tiña para os demais o que para el non tiña ningunha. Así, de tanto pan que había na súa casa e de tanto chourizo, e de tanto leite, non tardou en aburrilos, ao mesmo tempo que se daba conta, que co pan e co chocolate que xa non podía comer, facía cos seus compañeiros de escola o que quería. Nunca o descubrían cando xogaban as escondidas, nin perdía un partido de fútbol, nin moito menos cando foi mais grande, lle negaron un baile na verbena. E calquera cousa ou persoa da que el se encaprichase, acababa sen remedio, na súa posesión.
Nunca Don Serapio comprou nada que puidera conseguir con devolución de favores, e con esta fórmula, unha chamada a un amigo médico, traducíase en un porco e vinte varas de encaixe; unha partida ao tute co sarxento da Guardia Civil para que fixera un Certificado de Penales pra ira pra mili, eran, ao cambio, sete sacos de patacas e un besugo de tres quilos. Ao fillo do carpinteiro, por ser menudiño -e por iso mesmo, perfecto para non romper as polas-, fíxolle o favor de deixalo entrar na súa horta para apañarlle os figos, e tan contento obrigou a estar a seu pai por ter a honra de que seu fillo puidera entrar no mundo de Don Serapio, que non lle quedou outra que facerlle gratis un banco reclinatorio para poñer na primeira fila da igrexa, banco, no que solo se podía sentar Don Serapio, xa que non facía falta ser moi listo para saber, que si por unha casualidade saltaba do altar maior calquera figura dos Santos que alí había, pedindo un favor, alí estaría Don Serapio a fronte de todos, para facer “humildemente” o que estivera nas súas mans. Todo o mundo sabía que a cambio de ese favor, Don Serapio quería asegurar unha boa praza no ceo.

E foi precisamente por estar nese banco, polo que Don Serapio deixou este mundo. Un tornillo mal apertado na angarella que ia levar en procesión a San Toribio, fixo que o Santo perdese o equilibrio, e Don Serapio, pronto a facerlle o favor ao Santo, intentou chapalo antes de que chegara ao chan, pero chapar un Santo que pesa trescentos quilos non debe de ser moi doado, polo que Don Serapio morrío alí mesmo esmagado por San Toribio. Foi así como, hasta o final dos seus días, pasou Don Serapio facendo favores, o que non sabemos é se a cambio do seu último favor, San Toribio lle conseguío no ceo, ese sitio que Don Serapio tanto anhelaba.

martes, enero 26

" O EMBIGHO DO FIN DO MUNDO" EN RADIO RONCUDO

Unha historia verdadeira, que moi ben podería ser mentira.
ESCOITA O EMBIGHO DO FIN DO MUNDO

martes, enero 19

CRISTIANOS


Por se non o sabiades, o único milagre recoñecido polo Vaticano en España, é a multiplicación do arrós en Olivenza (Extremadura) no ano 1949, pero o que non sabedes de seguro é que ese mesmo milagre dáse nesta terra auguenta desde que existe o arrós.

Pasoulle tal cousa, xa no ano 1878, a Arcadio Pensado, quen, traballando de cociñeiro na goleta “ Fátima”, doulle por poñer un prato de arrós seco por cada tripulante. Comeron arrós durante vinte días, e, en vez de beatificalo, o que lle fixeron ao pobre Arcadio, foi, que o tiraron ao mar como quen tira un caldeiro de merda. Tanto se riron del, que nunca mais foi quen nin de frixir un ovo. Tres anos despois de aquel maldito día, deixaba Arcadio este mundo, e para mais cachondeo, cando a caixeta salío pola porta da iglesia despois do funeral, a xente, que nunca esquece nada, como se o enterro fose un casamento, tiráballe o arrós a vivapiña.

Non foi Arcadio o único que sufriu o milagre da multiplicación. A figueira de Carme de Amparo de Carme, daba figos e brevas na mesma árbore, e por se fose pouco milagre, vendía Carme mais de unha Tonelada de figos cada temporada. Pola contra o resto das figueiras, non daban mais que uns poucos que case sempre eran os que lle pertencían ao merlo. As malas linguas non falaban moi ben de Carme, pero iso a Carme nunca lle importou, hasta que foi ela a que se queixou pola multiplicación dos cans, dos arames de espiñas, e dos cristais nos valados que protexían as figueiras. Acabouse o milagre dos figos en catro anos.

Tamén Pristíno da Croa, con sete nasas, collío nunha semana, mil douscentos trinta quilos de pulpo, pero esta milagre, moito mais recorrente e antigo que calquera, acabóuselle pronto a Pristino. Roubáronlle seis nasas, e na seguinte semana chegou aos dous mil quilos. O martes da terceira semana, aparecío flotando con dous pulpos de cinco quilos cada seu, metidos na boca con un tolete, e isto sábese, porque o tolete estaba moi ben chantado na gorxa de Pristino.

Da mesma maneira, os cartos e as propiedades de Pepiño do Cordeón, multiplicaronse en solo dous anos. Pepiño non tiña mais que unha chalana con tres remos, e pescaba ao liñó. Un día, -o único dia que se lle acorda-, pasou polo porto co seu cesto de Santander, pero foi este día o único día que no cesto levaba peso. Nunha semana tiña unha planeadora con dous motores de douscentos cabalos, e aos tres meses xa tiña tres planeadoras e dúas motos de auga. De vivir nunha caseta cos seus seis cans e as súas sete galiñas, pasou nun ano a ter un chalé, catro pisos un restaurante, vinte solares, dous coches e tres furgonetas. Don José, que así se pasou a chamar, cheo de fachenda e mal gusto, non se lle ocurrío outra que facer unha estatua ca súa figura pero representando a San Roque, e donala a parroquia para que a cambiasen pola vella. Así se fixo, xa que o cura e mais el, aparte de compartir partida de malilla, compartían a admiración por Xesucristo e os seus milagres multiplicadores. Despois cambiou a San Xoán, o Sagrado Corazón, San Antonio, pero o que mais impresionaba era ver a Don José de Cristo Crucificado a tamaño natural. Hai que dicir que Don José, nos últimos anos engordara bastante e estaba cando fixo de modelo, polos cento trinta quilos, e tamén hai que saber que Don José é calvo como unha faneca, aínda que isto disimulábase bastante ca coroa de espiñas de ouro que o noso Cristo tiña.

Pepiño leva preso dous anos, e parece que aínda lle quedan quince. Don Basilio, o cura, xa esta en Bolivia atendendo as Misións. Os Santos Pepiños xa desapareceron todos, confiscados por Facenda. No chalé, metéronse uns ocupas e fixeron un Centro Contracultural, e o único que lle quedou a Pepiño, foron os tres remos. Que non se descoiden, que sabendo como sabemos como as gasta Pepiño, sóbranlle dous remos pra, cando chegue de Martutene, volver intentar outra vez, realizar ese milagre que tanto lle gusta a el…a o Vaticano.

martes, diciembre 29

O CHOSCO

miércoles, diciembre 23

BOAS FESTAS


Aínda que vivamos na parte mais apartada do mundo, hai cousas, que, sen ser propiamente nosas, fixeron niño nas vidas dos que aquí morremos, e unha de esas cousas é a celebración do Nadal.

Compiten os Cacharulos cos Loubáns, por ver quen fai o Belén mais grande e mais completo, por que efectivamente, non solo ocupa cada Nacemento a totalidade da praia que cada familia ten asignada, senón que, co paso dos anos, foron ampliando Belén, ao pinar e as pedras que teñen a carón, e se continúan así as cousas, en dúas xeracións chegan as nosas casas, co perigo que isto ten coñecendo como coñecemos aos Cahacharulos e aos Loubáns.

Coa árbore de Navidá, ninguén intenta competir, por que desde hai cento trinta e cinco anos, os Lamáchaghos, poñen un no porto que mide vinte metros. Pero a particularidade de esta árbore é, que está feita de bolos da ribeira, e cada un de eses bolos de cuarzo e granito, pesa alomenos vinte quilos. Moitos bolos teñen que xuntar cada ano, porque cada ano ao chegar o 7 de Xaneiro, desmóntano e volven levar as pedras ao sitio de onde as foron buscar pra que o mar non bote de menos o seu xoguete preferido, e así, eternamente, van e veñen os Lamáchaghos cas pedras ao lombo, como se fosen Tántalos, pero van e veñen, co orgullo que lle supón ser os únicos do mundo e facer esa marabilla de árbore de Navidá; e certo é, que nós, no resto das casas, non temos mais que os nosos humildes arboriños feitos de xeixos da praia, de cores, adornados de cunchas de peneira, escamas de pinto e unha gran estrela do mar, seca, que os coroa. E aínda que son moi bonitos, non son nada, comparado ca grandiosidade que ten o que fan os Lamáchaghos.
Na cea de Noiteboa, tamén somos moi tradicionais; e, é moi raro que en algunha casa falte de prato principal a touliña.

Ninguén sabe moi ben de cando ven esta práctica culinaria nesta sinalada noite, pero a tradición oral, remontase moito antes de que Xesucristo estuvese por Belén, así que posiblemente, se trasladase a ese día por ser o mais cerca ao día que a noite vai a menos, que tamén celebramos, pero este día, pasámolo durmindo. O certo é, que, cada familia, por lei, ten dereito a criar cada ano unha touliña que ten que ser sacrificada o dia de Noiteboa ao mais tardar. É raro, pero algunha vez, os nenos choran cando o ven asado enriba da mesa, pero iso, que tamén pasa cos porquiños, ou co cabrito, ou co pavo, ou co galo que criastes na casa, xa nos pasou aos outros cando éramos pequenos, e, co tempo, non solo superamos ver a un coñecido morto e estar dispostos a comelo, senón que nos fixemos sibaritas de este noso manxar navideño.

Tamén, temos por tradición comer doce uvas, para cambiar o ano, solo que aquí, debido a historia de navegación de tódalas xeracións, cada familia ten a súa particular hora das uvas. E así, son solo dúas as familias as que lle coincide ca hora oficial do resto de España. A maioría, celebra esas campanadas pola hora do país no que seu antepasado navegante estaba tal dia coma este. Desde que amañece xa están tocando as doce na cas dos Muxos, as nove da maña, tócanas os Brixeiros e os Chupasangres, que tiveron antepasado compartindo barco, e así, hasta as doce da noite, as setenta familias que vivimos aquí, tocamos e vivimos a alegría do novo ano, durante todo o día.
No tocante aos Reises, xa saberedes que aquí, todos, absolutamente todos, somos Republicanos, polo que non temos esa celebración, e non creemos tampouco, que ganemos nada por tela. Así que, se non vos importa, vós deixádenos a nós cas nosas, e nós, deixámosvos a vós cas vosas. Boas Festas!